Incio
 
O espazo miramemira
 
Exposicións
Actividades
 
 

En 1790 o entomólogo francés Guillaume Antoine Olivier, no tomo quinto, dedicado aos coleópteros, do seu Entomologie ou histoire naturelle des insectes, avec leurs caractères génériques et spécifiques, leur description, leur synonymie et leur figure enlumiée, realizaba a descrición e taxonomía do Picudo vermello (Rynchophorus ferrugineus) e sinalaba a súa área de distribución xeográfica, circunscrita ao que na época denominabase co nome das Indias Orientais. Os exemplares descritos proviñan xeralmente de gabinetes de coleccionistas, que pasarían posteriormente a conformar as compilacións dos museos de historia natural que fundaban, nesta mesma época, os monarcas ilustrados. Dous anos despois, en 1792, recén comezado o período Republicano, seralle encomendado polo goberno, unha viaxe con fins científicos por Oriente medio que durará seis anos, percorrendo o Imperio Otomán, Persia e Exipto, nos que recollerá centos de espécimes que posteriormente pasarán a formar parte do Museo Nacional de Historia Natural.



É o século XVIII, o das grandes expedicións científicas, das viaxes arredor do mundo, en busca de coñecemento, pero tamén de novas áreas de influencia, de colonias e materias primas. Se neste período os entomólogos e naturalistas viaxaban en busca de novas especies en territorios case por descubrir, no século XX invertirase a dirección da viaxe e serán eles, os insectos e as plantas as que comezarán o proceso de colonización de Occidente.
Este é o caso do Picudo vermello, ao que nos referiamos ao principio, un pequeno escaravello, orixinario da Asia tropical, que deposita os seus ovos nas palmeiras e cuxas larvas escavan túneles nos madeiros a gran profundidade, provocando finalmente a súa morte. Este proceso de colonización que tivo lugar en toda a costa mediterránea, apoderouse das zonas costeiras e lugares de vacacións, facendo a súa viaxe en palmeiras importadas e recalando en primeira liña de praia. Os lugares máis desexados polos turistas, a imaxe do emblema do Paraíso, a palmeira, está a ser devorada.



Irene de Andrés formula en "Paradisus" este dilema: a construción da imaxe do Paraíso a partir de certos elementos estereotípicos, auga cristalina, area branca e palmeiras e como esa construción artificial se cae polos propios modos e modelos de configuración que a predeterminan. Poderiamos quizais falar de entropía no sentido que achega Robert Smithson ao termo na súa relación coa paisaxe antrópica, contendo en si a orixe da ruína. Esa "nostalxia das ruínas" funcionando como unha utopía invertida, unha arqueoloxía do presente, na que os tempos se invirten. Certamente demos un salto no tempo, os edificios convértense en entullos antes de ser rematados ou como sinala Irene de Andrés, os paseos ateigados de palmeiras importadas, mostran agora os seus flamantes madeiros carcomidos e as súas exuberantes follas decaídas, unha paisaxe marabillosa certamente, para o escaravello, claro.
Un foliolo de folla de palmeira, un vidro de reloxo con auga do mediterráneo, un portaobxectos de laboratorio con area branca, son algúns dos elementos que mostran na exposición a materia coa que se constrúe a imaxe do Paraíso.

 

_ _ _ _ _ _ _ _

 

Irene de Andrés (Ibiza, 1986) é licenciada en Belas Artes por a Universidade Complutense de Madrid.O seu traballo tense visto ultimamente nas galerías Espacio Líquido (Xixón), 3+1(Lisboa) e en espazos como Matadero, La Casa Encendida ou Maus Hábitos (Porto), entre outros. A súa última exposición individual tivo lugar no Casal Solleric de Palma de Mallorca, ademais de participar no pasado Kunstfilmtage de Düsseldorf. Ten recibido becas de residencia por parte de La Casa de Velázquez e a Fundación Bilbao Arte. Entre os premios recibidos destacan el XI Premio de Fotografía El Cultural PhotoEspaña 2011, o Certamen de Arte Joven Circuitos de Artes Plásticas e Generaciones 2013, ademais de obter unha das Axudas a produción que outorga a Comunidade de Madrid e o premio Injuve 2015.

 

irenedeandres.com

 
   
 
facebook espazomiramemira